O PORQUÉ


Hai moitos elementos do crecemento persoal que poden ser obxecto de acción dende a escola, un deles son as estratexias de aprendizaxe léxica.

Hoxe vemos como a falta de competencia léxica vai dende as escolas e chega ata as empresas, onde é un problema moi difícil de solucionar porque cando accedemos a un posto de traballo xa se nos supón dun certo “nivel educativo-cultural” imposible de improvisar.

O enfoque competencial non debe esquivar a aprendizaxe do léxico, implícita na competencia lingüística, senón todo o contrario, ha de reforzala e impulsala.

Algo semellante ocorre coa competencia da lingua galega, e máis concretamente coa expresión oral. Tendo o noso alumnado un nivel aceptable de comprensión lectora en galego, chama atención a seria dificultade, por non dicir en moitos casos a incapacidade, que atopan á hora de expresárense neste código. É por iso que convertemos o Portal das Palabras nun recuncho onde a única forma de comunicarnos é utilizando o galego e desbotando tamén deste xeito prexuízos e complexos sobre o seu uso.

E cal é a ferramenta indispensable para o estudo léxico? O dicionario, por iso é tan importante a posta en marcha do Portal das Palabras, froito da colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

O Portal das Palabras é un espazo de aprendizaxe e divulgación noutrora desexado que hoxe se ten convertido nunha realidade que medra vizosa. Inserido de cheo no proceso de gamificación da ensinanza ofrécelle a toda a poboación un achegamento ao idioma lúdico e interesante.
Mais o Portal non é nada sen os seus usuarios, é por iso que desexamos afondar nas moitas posibilidades que nos ofrece para a mellora das nosas aulas.

Estaremos encantadas de recibir calquera consulta, crítica e contribución a esta páxina nos seguintes enderezos primaria.patricia@gmail.com e pilarponteclases@gmail.com.


As autoras

Ningún comentario:

Publicar un comentario